“4 PROXECTOS”. Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador Cidrás/Juan Cidrás, Mar Vicente.
- “Datas: 10 abril 2021 – 12 setembro 2021
- Lugar: Salas de exposicións da planta baixa
- Horario: martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
- Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de VigoComisariado: Miguel Fernández-Cid Pilar Souto Soto
- Datas: 10 abril 2021 – 12 setembro 2021Lugar: Salas de exposicións da planta baixa Horario: martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
- Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de VigoComisariado: Miguel Fernández-Cid Pilar Souto Soto
PRESENTACIÓN
A peculiaridade dos seus espazos é un dos sinais de identidade do MARCO, en especial os da súa planta baixa, na que se percibe a súa formulación arquitectónica como panóptico: patios amplos con luz cenital, galerías de planta rectangular, e sala central cuberta con cúpula. Se os patios suxiren intervencións con carga escenográfica, as galerías permiten un planeamento máis tradicional; e o espazo central, o ollo do panóptico, posúe unha innegable carga poética, que fai que se perciba como unha sala autónoma.
Partindo desa singularidade, en 4 PROXECTOS pedimos a catro artistas que dialogasen con eses espazos, respectándoos, facéndoos maleables, potenciando as súas calidades, transformándoos. Todos mostran obra recente, a maioría producida para esta ocasión. Ningún coñeceu ata os días de montaxe a intención dos seus compañeiros.
Como comisarios, os eliximos pola innegable calidade da súa obra, por atoparse nun momento de especial intensidade, e porque todos demostraron a súa habilidade á hora de intervir espazos e facerse con eles. Tras debater inicialmente as liñas xerais de cada proxecto, que encaixaron dun modo natural nos espazos dispoñibles, comisarios e institución convertéronse en mediadores para que as ideas dos artistas se plasmasen como imaxinaron.
Os artistas reunidos son galegos, naceron entre 1965 e 1979, déronse a coñecer moi novos e viaxaron e vivido en distintos países. Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970) en A maxia do colibrí. Seis casos desesperados, mostra unha instalación na que a palabra, o relato, adquire un protagonismo esencial. Mestura tradición, un modo de narrar poético, austero, e un fondo confesional. En As formas partilladas, Salvador Cidrás (Vigo, 1968) e Juan Cidrás (Moaña, Pontevedra, 1965) traballan con materiais como a cerámica e o téxtil, aos que semellan dar a volta, buscando as sorpresas dun proceso de produción que os leva a resultados dunhas densas calidades plásticas. Cerámicas orgánicas, pinturas que valoran as texturas, a multiplicidade de focos, murais que se expanden.
Rosendo Cid (Ourense, 1974), en Todo aquilo que sucede e con todo non é, recorre aos materiais que habitan o seu estudio para formular unha serie de esculturas que funcionan co sentido e intensidade dos poemas breves, mentres noutras obras explora os xogos de sentido, a palabra e as preguntas referidas á memoria e á arte. En Sombras e cor, Mar Vicente (O Valadouro, Lugo, 1979) transforma os espazos a partir da luz, cor, medida, razón e ilusión óptica, conseguindo que o espectador estableza o sentido da súa experiencia. E todo con elementos mínimos, nada retóricos. Como o golpe de dados de Mallarmé: misterio e rigor, intensidade e emoción.
Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto, comisarios
Documentación
A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne ligazóns a artigos e información complementaria sobre os artistas participantes, accesibles para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.
Programación para escolares
Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.
Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 27 de abril de 2021
Lugar: salas de exposición
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita nos tel. 986 113900 Ext. 100/ 986 113908
Obradoiros e outras actividades
Ademais das visitas e obradoiros para escolares, a área de Didáctica do MARCO organizará actividades relacionadas coa exposición dirixidas a grupos específicos.
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904
Rutas interactivas a través da App Vigo
Ademais das visitas guiadas, o novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.
Catálogo da exposición
Con ocasión desta mostra, a Fundación MARCO publicará un catálogo con textos, análises e imaxes das obras en exposición.